Quero comezar estas palabras, celebrando os anos que levamos construíndo a nosa parroquia con este título: "SOÑAR - SEMENTAR - MEDRAR - REALIDADE - FUTURO"...
E a partir destas afirmacións:"A historia é a mestra da vida, e a historia e a terra configuran a parroquia dándolle unha cor peculiar".
Sempre soñei e pretendín que a parroquia se abrazase con noso barrio, fose parte da súa vida e de súa historia. Quizá a razón sexa que existen tres palabras que sempre me animaron a seguir adíante: HISTORIA, TERRA, E AVENTURA.
Historia como creación, realización do ser humano, testemuña...Terra como espazo xeográfico concreto, casa de portas abertas onde vive e está enraizado o ser humano. Aventura como posibilidade, horizonte, perspectiva...
Partindo destas premisas, a miña experiencia como párroco foi ir sentíndome cocreador, xunto con outras muchas persoas e institucións, da historia do barrio e da historia aberta, inacabada, onde a palabra AVENTURA adquire un significado moi importante: soñar, programar, construír, revisar... E facelo en grupo e en comunidade, aportando cada persoa o seu gran de area. Foi descubrindo que tiña razón Helder Cámara ao dicir: " cando un soña o soño segue sendo un soño, pero cando moitos soñan eses soños convértense en realidade".
Compartín moitas veces con vos unha frase que escoitei nun dos primeiros días que vin para Fontiñas: "o ser humano non só está na historia, senón que está invitado a construír a historia". Naquel momento foi como unha iluminación, unha invitación a aportar o mellor de miña vida para crear a historia da parroquia que estamos vendo medrar entre todos. Sentín que o importante non era falar senón estar presente e ofrecer pacientemente, serenamente e esperanzadamente o meu camiñar xunto coas persoas que tamén querían crear, construír barrio- parroquia.
Neste contexto, tamén me animou unha frase que lin en Lao-Tsé: " a viaxe de mil millas comeza co primeiro paso". Quizás sexa a experiencia máis gratificante que vivín nestes anos.
Grazas a todos, todas.
Ricardo Viqueira Otero
Suscribirse a:
Entradas (Atom)